Contrato de programador de Microsoft


Última actualización: xuño de 2018

Este acordo celébrase entre vostede e Microsoft Corporation («Microsoft»), e consta dos seguintes termos («Termos de programador») e da Declaración de privacidade de Microsoft (en conxunto, o «Acordo»).

Se celebra este Acordo en nome dunha entidade como, por exemplo, a súa empresa, manifesta que ten a autoridade legal para vincular a dita entidade. Se especifica o nome dunha empresa en relación con subscricións ou contratación de servizos, considerarase que realizou tal pedido e que celebrou este Acordo en nome desa organización ou empresa. Os termos clave defínense na sección 10.

1. Oferta

  1. API. O seu acceso e uso das API de Microsoft réxense por certos termos e condicións. Como programador, é responsable de aplicar e cumprir todos os regulamentos e leis aplicables ao seu uso das API de Microsoft, incluídos aqueles regulamentos e leis que se aplican á privacidade, os datos biométricos, a protección de datos e a confidencialidade das comunicacións. Nada do establecido nos acordos reguladores nin neste Acordo se interpretará como a creación dunha relación conxunta de responsable ou encargado-subencargado entre vostede e Microsoft.

    1. Termos complementarios. O seu uso das API de Microsoft réxese polos termos segundo os cales obtivo acceso. Se accede a API que presentan termos complementarios («Termos complementarios»), aplicaranse estes, xunto coa Declaración de privacidade de Microsoft, ao seu acceso e uso do Servizo. En concreto, a API de Microsoft Graph fornécese de conformidade con estes termos.

    2. Portal de rexistro de aplicacións. Certas API de Microsoft centradas na identidade requirirán que rexistre a súa aplicación aquí. Se se lle require que rexistre a súa aplicación na seguinte URL, deberá cumprir con estes termos:

      1. Rexistro da aplicación. As aplicacións deben rexistrarse e ter cadanseu ID de aplicación único. Unha vez rexistre unha aplicación correctamente, entregaránselle as Credenciais de acceso da mesma. «Credenciais de acceso» fai referencia ás claves de seguridade, secretos, tokens e outras credenciais necesarias para acceder ás API de Microsoft centradas na identidade. As Credenciais de acceso permítennos asociar a súa aplicación co seu uso das API de Microsoft centradas na identidade. Todas as actividades que se leven a cabo empregando as súas Credenciais de acceso son responsabilidade súa. As Credenciais de acceso son persoais e intransferibles. Mantéñaas en secreto. Non intente burlalas. En caso dun cambio de control, e suxeito ao cumprimento de todos os termos e condicións dos Termos das API de Graph vixentes nese momento por parte da empresa adquirinte, poderá vender, ceder e transferir o ID dunha aplicación á empresa adquirinte e esa empresa adquirinte poderá seguir a usar o devandito ID de aplicación como parte da aplicación adquirida.

      2. Termos aplicables. A menos que un servizo en particular presente Termos complementarios para rexer o seu acceso ás API de Microsoft, o acceso da súa aplicación ás API de Microsoft centradas na identidade réxese polos termos de licencia das API de Microsoft Graph vixentes no momento, tal e como están dispoñibles aquíTermos das API de Graph»).

  2. Servizos.

    1. Dereito de uso. Podemos darlle dereito a acceder e usar os Servizos de conformidade con este Acordo.

    2. Modo de utilización. Non pode:

      1. realizar enxeñería inversa, desarticular ou burlar as limitacións técnicas dos Servizos, agás na medida que o permita a lexislación aplicable a pesar destas limitacións;

      2. deshabilitar, alterar ou intentar burlar doutro xeito calquera mecanismo que limite o seu uso dos Servizos;

      3. alugar, arrendar, prestar, revender, transferir nin sublicenciar ningún Servizo ou parte do mesmo a terceiros, agás segundo o permitido explicitamente no presente documento ou nos termos de licencia que acompañan a calquera compoñente dos Servizos;

      4. usar os Servizos dunha maneira que estea prohibida por lei, regulamento, orde gobernamental ou decreto ou por este Acordo;

      5. usar os Servizos de calquera maneira que poida danar, inutilizar, sobrecargar ou afectar a calquera servizo de Microsoft ou á(s) rede(s) conectada(s) a calquera servizo de Microsoft;

      6. usar os Servizos para violar os dereitos doutras persoas;

      7. usar os Servizos para intentar obter acceso non autorizado ou alterar calquera servizo, dispositivo, dato, conta ou rede;

      8. usar os Servizos para enviar correo non desexado ou distribuír software malicioso;

      9. usar os Servizos dunha maneira que poida danalos ou prexudicar o seu uso por parte de calquera persoa;

      10. participar en actividades fraudulentas, falsas ou enganosas (por exemplo, solicitar diñeiro baixo falsos pretextos, facerse pasar por alguén, manipular os Servizos para aumentar o reconto de xogos ou afectar as clasificacións, valoracións ou comentarios).

      11. recompilar, elaborar bases de datos ou crear copias dos datos aos que se accedeu ou que se obtiveron mediante os Servizos (incluídos os usuarios finais ou os seus contactos), salvo que sexa necesario para habilitar un escenario de uso concreto para a súa aplicación;

      12. usar os Servizos en calquera aplicación ou situación na que un fallo dos mesmos poida causar a morte ou lesións corporais graves a calquera persoa ou danos físicos ou ambientais graves; nin

      13. axudar a outras persoas a infrinxir estas normas.

  3. Actualizacións. Salvo se Microsoft especifica o contrario, Microsoft pode realizar cambios comercialmente razoables nun Servizo ou función de cando en cando. Microsoft pode modificar ou terminar un Servizo en calquera país no que estea suxeito a regulamentos gobernamentais, obrigas ou outros requisitos que (1) non se apliquen en xeral ás empresas que operan alí, (2) lle supoñan un obstáculo para seguir operando o Servizo sen modificación ou (3) fagan que considere que estes termos ou o Servizo poden entrar en conflito cos devanditos requisitos ou obrigas.

  4. Funcións en Versión preliminar. Podemos dar acceso a certas funcións en Versión preliminar. As Versións preliminares fornécense «TAL CAL» e están excluídas das garantías estipuladas na sección 6 que figura máis adiante. As Versións preliminares poden estar suxeitas a compromisos de seguridade, cumprimento, privacidade, dispoñibilidade, fiabilidade e soporte reducidos ou diferentes, tal e como se explica con máis detalle na Declaración de privacidade e en calquera aviso adicional fornecido coa Versión preliminar. Podemos cambiar ou suspender as Versións preliminares en calquera momento e sen aviso. Tamén podemos optar por non lanzar unha Versión preliminar en modo de «Dispoñibilidade xeral» e, se facemos que unha Versión preliminar sexa de «Dispoñibilidade xeral», podemos cobrar por esas funcións.

2. Software e Contido de Microsoft

  1. Uso do Software e Contido de Microsoft fora do Servizo. Microsoft pode fornecerlle Software ou Contido de Microsoft a través dos Servizos ou como parte deles. A terminación ou suspensión deste Acordo ou o seu acceso ou uso dos Servizos rescinde o seu dereito a posuír ou utilizar o Software ou Contido de Microsoft, salvo que conte cunha licencia por separado. A suspensión ou terminación dun Plan de usuario rescinde o dereito do usuario a posuír ou usar o Software ou Contido de Microsoft asociado a ese Plan de usuario ou supeditado a el. Deberá eliminar todas as copias do Software ou Contido de Microsoft autorizado en virtude deste Acordo e destruír calquera medio asociado unha vez terminados os dereitos de posesión ou uso correspondentes. Esta subsección non se aplica ao Software de Microsoft abordado na subsección (b) que figura máis adiante.

  2. Software e Contido dos Portais de documentación. O software e Contido de terceiros accesible nos Portais de documentación fornéceos o editor designado de conformidade cos termos de licencia asociados.

  3. Alcance dos dereitos. Todo o Software e Contido de Microsoft son obras protexidas por dereitos de autor de Microsoft ou dos seus fornecedores, teñen licencia, non se venden e non poden transferirse a menos que se especifique o contrario.

  4. Software ou Contido de terceiros. Vostede é o único responsable do software ou Contido de terceiros que instale, conecte ou use con calquera Servizo. Non executaremos nin faremos copias dese software ou Contido de terceiros á marxe da nosa relación con vostede. Só pode instalar ou usar software ou Contido de terceiros cun Servizo se non se somete a nosa propiedade intelectual ou tecnoloxía a ningún termo aplicable ao devandito software ou Contido. Non somos parte nin estamos obrigados por ningún termo que rexa o uso de software ou Contido de terceiros. Non outorgamos licencias nin dereitos, expresos ou implícitos, respecto a tal software ou Contido de terceiros.

  5. Software de código aberto como parte do Servizo. Se o Servizo usa ou distribúe calquera software de terceiros con termos de licencia de software de código aberto («Código aberto), concederáselle a vostede a licencia dese Código aberto en virtude dos termos de código aberto aplicables. Inclúense copias das licencias de Código aberto aplicables e de calquera outro aviso, de habelo, unicamente para a súa información.

  6. Uso educativo. As institucións educativas acreditadas, como centros de educación primaria e secundaria, universidades e escolas públicas ou privadas, poden descargar e reproducir Contido de Microsoft para distribuílo nas aulas con fins educativos.

3. Seguridade e privacidade

  1. Seguridade. Mantemos medidas técnicas e organizativas, controis internos e rutinas de seguridade de datos destinados a protexer os Datos de usuario de perdas ou cambios accidentais, divulgación ou acceso non autorizados ou destrución ilegal.

  2. Cumprimento da lexislación aplicable; eliminación de Datos persoais

    1. Debe cumprir con todos os regulamentos e leis aplicables ao seu uso dos Servizos e a todos os datos e Contido aos que se acceda mediante os Servizos, incluídas a título enunciativo, as leis relacionadas coa privacidade, os datos biométricos, a protección de datos e a confidencialidade das comunicacións.

    2. O seu uso dos Servizos e do Contido está condicionado á implantación e ao mantemento das proteccións e medidas apropiadas para o seu servizo e para a súa aplicación, e iso inclúe a súa responsabilidade respecto aos datos obtidos a través do uso dos Servizos.

    3. Vostede deberá: (a) implantar e manter proteccións e medidas de privacidade nos seus produtos e servizos, incluída a obtención dos consentimentos necesarios antes de utilizar os datos (e a obtención de consentimento adicional antes de cambiar o uso ou o propósito destes) e o mantemento dos períodos adecuados de retención de datos; (b) cumprir cos requisitos de notificación aplicables; (c) manter e cumprir unha política de privacidade por escrito que describa as súas prácticas de privacidade en relación cos datos e a información que recompila e usa e que, como mínimo, protexa tanto aos usuarios como a Declaración de privacidade; (d) incluír unha ligazón accesible á súa política de privacidade dentro da súa aplicación e en calquera tenda de aplicacións que o permita; e (e) obter un consentimento por parte do usuario final que sexa suficiente para os propósitos do seu acordo con el antes de fornecernos información que recompilou independentemente do mesmo.

    4. Ademais de cumprir coas súas obrigas en virtude da lexislación aplicable (incluído o Regulamento Xeral de Protección de Datos [RXPD] [EU] 2016/679), utilizará datos actuais. Pode manter os datos ao día actualizándoos con regularidade, interactuando cunha API ou ferramenta de Microsoft para mantelos actualizados ou levando a cabo outros procesos que garantan que os cambios nos datos de Microsoft se reflictan de maneira precisa.

    5. Salvo se se establece o contrario neste documento, eliminará de inmediato todos os datos e o Contido recompilados ou procesados a través dos Servizos cando: (a) un usuario abandone a súa aplicación, desinstale a aplicación, peche a súa conta ou a abandone ou (b) vostede deixe de empregar os Servizos. Sen embargo, pode conservar os datos agregados, sempre e cando non poida inferirse nin crearse a partir deles información que identifique a unha persoa específica e que esas accións cumpran con este Acordo e coa lexislación aplicable.

    6. A menos que haxa fundamentos xurídicos para reter Datos persoais (tal e como se definen no RXPD), deberá eliminar todos os Datos persoais aos que acceda ou que procese a través dos Servizos dentro dos 30 días posteriores á data de recepción dos mesmos.

  3. Cumprimento da lei. Cumpriremos con todas as leis aplicables ao fornecemento dos Servizos pola nosa parte, incluídas as leis de notificación de violacións de seguridade aplicables, pero sen incluír as leis que se lle apliquen a vostede ou ao seu sector e que non sexan aplicables en xeral aos fornecedores de servizos de tecnoloxía da información. Vostede cumprirá con todas as leis aplicables aos seus Datos de usuario e ao uso dos Servizos, incluída calquera lei aplicable a vostede ou ao seu sector.

  4. Certificacións e cumprimento. Os Servizos de programador estarán suxeitos ás prácticas de seguridade, privacidade e cumprimento descritas especificamente en relación cos Servizos de programador. Estas obrigas non se aplican a ningún outro elemento dos Servizos.

  5. Supervisión; auditoría. Podemos controlar o acceso e uso dos Servizos pola súa parte (incluídos os produtos e servizos aplicables, o sitio web, o Contido e os datos) para supervisar o seu cumprimento deste Acordo. Así mesmo, respecto ao seu acceso e uso dos Servizos (e durante cinco anos despois), deberá, previa notificación razoable por parte de Microsoft, permitir que Microsoft ou o seu auditor, a cargo do primeiro, realice auditorías en relación co seu uso dos Servizos para verificar que cumpre con este Acordo. Deberá darlle a Microsoft acceso razoable a persoal, instalacións, información, sistemas, libros e rexistros relacionados co seu uso dos Servizos para que este poida levar a cabo a auditoría. Se se lle solicita, deberá fornecernos probas do seu cumprimento deste Contrato.

4. Contas de clientes, conduta dos clientes e comentarios

  1. Creación de contas. Se algún dos Servizos require que abra unha conta, deberá realizar o proceso de rexistro fornecéndonos información actual, completa e exacta. Non poderá elixir un nome de usuario ou identificador que se faga pasar por outra persoa, que sexa ou poida ser ilegal ou poida estar protexido por marca rexistrada ou outros dereitos de propiedade, que resulte vulgar ou ofensivo ou que poida causar confusión. Reservamos o dereito de rexeitar ou reasignar estes nomes de usuario e identificadores do Servizo segundo o noso criterio.

  2. Responsabilidade das contas. Vostede é responsable de: todas e cada unha das actividades que se realicen na súa conta, manter a confidencialidade de calquera credencial de autenticación non pública asociada co seu uso dos Servizos e notificar de inmediato ao noso equipo de atención ao cliente calquera uso indebido das súas contas ou credenciais de autenticación ou calquera incidente de seguridade relacionado cos Servizos.

  3. Conduta pola súa parte e dispoñibilidade do contido de terceiros e das ligazóns a contido de terceiros. Non temos ningunha obriga de supervisar o contido e as comunicacións de terceiros sobre os Servizos; sen embargo, reservamos o dereito de revisar e eliminar calquera material publicado nos Portais de documentación segundo o noso criterio. Os terceiros que participen nos Servizos non son portavoces autorizados de Microsoft e as súas opinións non teñen por que reflectir as de Microsoft.

  4. Envíos e comentarios. Non reclamamos a propiedade de ningún Envío a menos que se acorde o contrario entre as partes. Sen embargo, ao fornecer un Envío, está concedéndolles irrevogablemente a Microsoft e aos seus afiliados o dereito a usalo, modificalo, distribuílo e comercializalo de calquera maneira e para calquera propósito (incluído outorgarlle ao público xeral o dereito a utilizar os seus Envíos de conformidade con este Acordo, que pode cambiar ao longo do tempo). No caso de Envíos fornecidos a través dos Portais de documentación, tamén outorga dereito a publicar información de identificación específica detallada na Declaración de privacidade en relación co seu Envío. Estes dereitos outórganse en virtude de todos os dereitos de propiedade intelectual aplicables que posúe ou controla. Non se pagará compensación algunha con respecto ao uso dos seus Envíos. Microsoft non ten ningunha obriga de expoñer ou utilizar os Envíos e pode retirar calquera Envío, en calquera momento. Ao fornecer un Envío, garante que posúe ou controla todos os dereitos do mesmo e que este non está suxeito a dereitos de terceiros (incluídos os dereitos da personalidade ou os dereitos de publicidade de calquera persoa).

5. Terminación e suspensión

  1. Terminación pola súa parte. Pode terminar este Acordo en calquera momento. Se contratou acceso aos Servizos a través de Microsoft Azure, deberá pagar os importes debidos.

  2. Terminación por parte de Microsoft. Podemos terminar este Acordo, calquera dereito outorgado no presente documento ou a súa licencia para os Servizos en calquera momento e por calquera motivo segundo o noso criterio.

  3. Suspensión. Podemos suspender ou terminar o seu uso dos Servizos se: (1) é razoablemente necesario para evitar un uso non autorizado dos Datos de usuario; (2) non responde a unha reclamación de suposta infracción dentro dun prazo razoable; ou (3) viola este Acordo (ou temos fundadas sospeitas de que o violou). Intentaremos suspender o acceso á parte mínima necesaria dos Servizos mentres se dea a condición ou necesidade. Enviarémoslle unha notificación antes da suspensión ou terminación, agás cando consideremos razoablemente que é necesario actuar de inmediato. Se non aborda ao completo os motivos da suspensión dentro dos 60 días posteriores a esta, poderemos terminar este Acordo e eliminar os seus Datos de usuario sen respectar ningún período de retención.

  4. Terminación por falta de uso. Podemos suspender ou terminar unha conta de Servizo tras un período prolongado de inactividade ou se non responde ás comunicacións de Microsoft. No caso dos Servizos, se ten unha conta gratuíta, podemos terminar este Acordo ou eliminar os Datos de usuario xerados automaticamente durante o proceso de rexistro nos Servizos se non carga nin crea ningún Dato de usuario dentro dos 90 días posteriores á prestación inicial do Servizo. Enviarémoslle unha notificación antes de suspender ou terminar unha conta ou de eliminar Datos de usuario.

6. Garantías

SALVO QUE SE GARANTA NOS TERMOS COMPLEMENTARIOS, MICROSOFT E OS SEUS RESPECTIVOS FORNECEDORES PROPORCIONAN OS SERVIZOS (INCLUÍDOS O CONTIDO E O SOFTWARE DE MICROSOFT) «TAL CAL», «CON TODOS OS DEFECTOS» E «SEGÚN DISPOÑIBILIDADE». VOSTEDE ASUME O RISCO DE UTILIZALOS. NON OFRECEMOS NINGUNHA GARANTÍA OU CONDICIÓN, XA SEXA EXPRESA, IMPLÍCITA, LEGAL OU DE CALQUERA OUTRO TIPO, INCLUÍDAS AS GARANTÍAS DE COMERCIABILIDADE, ADECUACIÓN A UN PROPÓSITO ESPECÍFICO E NON VULNERACIÓN. É POSIBLE QUE CONTE CON DEREITOS ADICIONAIS EN VIRTUDE DAS SÚAS LEIS LOCAIS, QUE ESTE ACORDO NON PODE CAMBIAR. ESTAS EXENCIÓNS DE RESPONSABILIDADE APLICARANSE NA MEDIDA MÁXIMA PERMITIDA POLA LEXISLACIÓN APLICABLE, INCLUÍDA A APLICACIÓN DAS GARANTÍAS IMPLÍCITAS DE COMERCIABILIDADE, ADECUACIÓN A UN PROPÓSITO ESPECÍFICO E NON VULNERACIÓN.

Contido e material de terceiros. MICROSOFT NON CONTROLA, REVISA, ANALIZA, APROBA NIN ACEPTA RESPONSABILIDADE POR NINGÚN CONTIDO, INFORMACIÓN, MENSAXES, MATERIAIS NIN PROXECTOS ACCESIBLES A TRAVÉS DOS SERVIZOS OU VINCULADOS A ESTES E, SALVO QUE SE GARANTA NUN ACORDO POR SEPARADO, NON OFRECE NINGUNHA DECLARACIÓN OU GARANTÍA AO RESPECTO E NON SE RESPONSABILIZA DE NADA DO ANTERIOR. CALQUERA TRATO QUE POIDA TER CON TERCEIROS É BAIXO O SEU PROPIO RISCO.

7. Defensa de reclamacións

  1. Defensa. Defenderémolo de calquera reclamación realizada por un terceiro non afiliado que afirme que os Servizos ou o Software infrinxen patentes, dereitos de autor ou marcas comerciais súas ou que fan un uso ilegal dos seus secretos comerciais. Vostede defenderanos de calquera reclamación realizada por un terceiro non afiliado derivada (1) do seu uso indebido ou do uso indebido dos seus usuarios finais en relación cos Servizos, o Contido ou o Software de Microsoft; (2) da violación deste acordo pola súa parte ou por parte dos seus usuarios finais; (3) de calquera Contido ou datos enrutados ou utilizados cos Servizos, sexa no seu nome ou no dos seus usuarios finais.

  2. Limitacións. As nosas obrigas estipuladas na sección 7.1. non se aplican ás reclamacións ou indemnizacións baseadas en: (1) Datos de usuario, Produtos alleos a Microsoft, modificacións que realice nos Servizos ou materiais que forneza ou facilite como parte do uso dos Servizos; (2) combinación pola súa parte dos Servizos con datos, procesos comerciais ou Produtos alleos a Microsoft ou danos baseados no valor destes; (3) uso pola súa parte dunha marca comercial de Microsoft sen o noso consentimento expreso por escrito ou uso pola súa parte dos Servizos despois de que lle notifiquemos que o cese debido a unha reclamación de terceiros; ou (4) redistribución dos Servizos ou uso dos mesmos pola súa parte en beneficio dun terceiro non afiliado.

  3. Recursos. Se temos fundadas sospeitas de que unha reclamación en virtude da sección 7.1 pode impedir o seu uso dos Servizos ou do Software, procuraremos: (1) conseguir que teña dereito a seguir empregándoos; ou (2) modificalos ou substituílos por un equivalente funcional. Se estas opcións non son comercialmente razoables, podemos rescindir os seus dereitos a usar os Servizos ou o Software.

  4. Obrigas. As partes deberán notificarlle á outra de inmediato calquera reclamación conforme á sección 7. A parte que busque protección deberá (1) outorgarlle á outra o control total sobre a defensa e liquidación da reclamación; e (2) fornecerlle a axuda razoable para defender a reclamación. A parte que forneza protección deberá (1) reembolsarlle á outra os gastos razoables nos que incorra ao prestarlle axuda e (2) abonar o importe de calquera sentenza definitiva adversa (ou a liquidación que a outra parte aprobe). Os dereitos respectivos das partes á defensa e ao pagamento de sentenzas ou liquidacións en virtude da sección 7 substitúen calquera dereito de indemnización legal consuetudinario ou legal ou dereitos análogos e as partes renuncian a tales dereitos consuetudinarios.

8. Limitación de responsabilidade

  1. Limitación. A responsabilidade agregada de cada parte en virtude deste Acordo está limitada a danos directos ata o importe pagado conforme este Acordo polos Servizos de programador que dan lugar a tal responsabilidade durante os 12 meses previos ao xurdimento da responsabilidade ou, por Servizos fornecidos sen cargo, a cincocentos dólares estadounidenses ($500,00 USD).

  2. EXCLUSION. NINGUNHA PARTE (NIN OS SEUS FORNECEDORES) SERÁ RESPONSABLE DE PERDAS DE INGRESOS, PERDAS DE BENEFICIOS OU DANOS INDIRECTOS, ESPECIAIS, INCIDENTAIS, CONSECUENCIAIS, PUNITIVOS OU EXEMPLARES, AÍNDA QUE SE SOUBESE QUE HABÍA ESA POSIBILIDADE.

  3. Excepcións ás limitacións. Os límites de responsabilidade da sección 8 aplícanse na medida máxima permitida pola lexislación vixente, pero non se aplican: (1) ás obrigas das partes estipuladas na sección 7; nin (2) ao incumprimento das seccións 3.2 - 3.4 ou á violación dos dereitos de propiedade intelectual da outra parte.

9. Miscelánea

  1. Reserva de dereitos. Microsoft reserva todos os dereitos que non se outorguen expresamente no presente documento. Vostede recoñece que todos os dereitos de propiedade intelectual dos Servizos seguen a pertencerlle a Microsoft e que nada do contido neste Acordo fará que se lle transfira ningún dos devanditos dereitos.

  2. Notificacións. Pode enviar notificacións por correo postal a: Microsoft One Microsoft Way Redmond, Washington 98052 (EE. UU.).

    Acepta recibir notificacións electrónicas nosas en relación cos Servizos, que se lle enviarán por correo electrónico á información de contacto do seu administrador ou usuario final ou que se lle presentarán na experiencia do Servizo. Deberá manter actualizada a súa información de contacto. As notificacións entran en vigor na data que costa no acuse de recibo, na data de envío do correo electrónico e na data na que se lle presentan dentro da experiencia do Servizo.

  3. Cesión e delegación. Non pode ceder nin delegar ningún dereito ou obriga en virtude deste Acordo, xa sexa en parte ou na súa totalidade, inclusive en relación cun cambio de control, agás no caso dun ID de aplicación, como establece a sección 1.1. Calquera suposta cesión e delegación pola súa parte será ineficaz. Podemos ceder ou asignar libremente todos os dereitos e obrigas en virtude deste Acordo, xa sexa total ou parcialmente, sen previo aviso.

  4. Indivisibilidade. Se unha parte deste acordo resulta inaplicable, o resto permanecerá en plena vixencia.

  5. Renuncia. O incumprimento de calquera disposición deste acordo non suporá unha renuncia.

  6. Ausencia de relación de axencia. Somos contratistas independentes. Este acordo non crea ningunha relación de axencia, asociación nin empresa conxunta.

  7. Inexistencia de terceiros beneficiarios. Non existen terceiros beneficiarios en relación con este acordo.

  8. Lexislación e xurisdición aplicable. Se vive en Estados Unidos (ou, no caso dunha empresa, se o seu domicilio social principal se atopa neste país), as reclamacións rexeranse polas leis do estado no que resida (ou, no caso dunha empresa, do estado no que se atope o domicilio social principal), independentemente dos principios de conflito de leis, agás se a lei federal de arbitraxe estadounidense (Federal Arbitration Act) rexe todas as disposicións relacionadas coa arbitraxe. Vostede e nós acordamos irrevogablemente someter á xurisdición e competencia dos tribunais estatais ou federais do condado de King todas as disputas que xurdan destes Termos ou dos Servizos ou en relación con eles (sen incluír os tribunais arbitrais e os procesos monitorios).

  9. Acordo íntegro. Este acordo constitúe o acordo íntegro en relación co seu asunto e substitúe calquera comunicación previa ou concorrente.

  10. Subsistencia. 1.2, 2.3-2.6, 3.2, 3.5, 4.2, 4.4, 5, 6, 7, 8, 9 e 10 e todas as demais definicións.

  11. Xurisdición de exportación de EE. UU. Os Servizos están suxeitos á xurisdición de exportación de EE. UU. Vostede deberá cumprir todas as leis aplicables, incluídos os regulamentos de administración de exportacións de EE. UU, os regulamentos de tráfico internacional de armas e as restricións de usuarios finais, de uso final e de destino emitidas polo goberno estadounidense, entre outros. Para obter información adicional, consulte Exportación de produtos de Microsoft.

  12. Dispoñibilidade internacional. Á dispoñibilidade dos Servizos, incluídas as funcións específicas e as versións lingüísticas, varía en función do país.

  13. Forza maior. Ningunha parte será responsable de incumprimentos debido a causas que estean fóra do seu control razoable (como incendios, explosións, cortes de enerxía, terremotos, inundacións, tormentas fortes, folgas, bloqueos, conflitos laborais, actos de autoridade civil ou militar, guerras ou terrorismo [incluído o ciberterrorismo]), casos fortuítos, accións ou omisións de operadores de tráfico de internet, accións ou omisións de organismos reguladores ou gobernamentais (incluída a aprobación de leis ou regulamentos ou outros actos gobernamentais que afecten ao fornecemento dos Servizos).

  14. Modificacións. Podemos modificar este acordo en calquera momento sen enviarlle un aviso individual mediante a publicación dunha versión revisada na sección de información legal dos Servizos de programador e dos Portais de documentación (ou nun sitio alternativo que escollamos) ou notificándollo de conformidade coa sección 9.b. As modificacións entrarán en vigor unha vez se lle notifiquen ou se publiquen. Se usa os Servizos unha vez os cambios sexan efectivos, significa que acepta as modificacións do Contrato. Se non está de acordo coa nova versión deste, deberá deixar de usar os Servizos.

10. Definicións

«Contido» fai referencia a documentos, fotografías, vídeos, datos e outro contido gráfico, textual ou audiovisual.

«Servizos de programador» fai referencia aos servizos que indicamos que se rexen por este acordo.

«Software de programador» fai referencia ao software de Microsoft que lle fornecemos como parte dos Servizos de programador para o seu uso con estes.

«Portais de documentación» fai referencia ao sitio dispoñible en http://msdn.microsoft.com, http://technet.microsoft.com, /, https://developer.microsoft.com ou en sitios alternativos identificados por nós.

«Contido de Microsoft» fai referencia ao Contido dos Servizos fornecidos por Microsoft e polos seus fornecedores.

«Software de Microsoft» fai referencia ao software e código informático de Microsoft, incluído o código de mostra e o Software de programador.

«Produto alleo a Microsoft» é calquera software, dato, servizo, sitio web ou outro produto que lle licencie, venda ou forneza doutro modo unha entidade que non sexamos nós, independentemente de se o obtén a través dos nosos Servizos ou por outra vía.

«Detalles da oferta» fai referencia ao prezo e aos termos relacionados aplicables aos Servizos de programador de pagamento.

«Versión preliminar» fai referencia a unha versión inicial, beta ou prelanzamento dos Servizos de programador ou do Software de programador ofrecida por Microsoft.

«Servizos» fai referencia aos Servizos de programador, os Portais de documentación e o Software de Microsoft que lle facilitamos en virtude deste Acordo.

«Envíos» fai referencia ao Contido, o código, os comentarios, as suxestións, a información ou os materiais que forneza a través dos Portais de documentación ou de calquera Servizo para acceso público (en lugar de para o seu uso persoal ou para o uso dos usuarios autorizados). Os envíos non inclúen Datos de usuario.

«Plan de usuario» fai referencia a unha subscrición, proba ou outro beneficio outorgados a un usuario por parte de Microsoft que permiten acceder e ter unha conta en relación cos Servizos de programador.

«Nós» e «nos» fai referencia a Microsoft.

«Vostede» e «lle» fai referencia á persoa ou entidade que acepta este Acordo para usar os Servizos.